“Para adicarse a arte hai que ter unha capacidade de sacrificio consistente”

Álvaro de la Vega con dúas tallas de madeira

Álvaro de la Vega (Paradela-Lugo, 1954) estudou Belas Artes para adicarse ao ensino e compensar as fallas económicas do artista que vai por libre. Fíxose escultor superados os trinta anos, despois de adicarse durante unha década ao cómic e ao graffiti en Barcelona. A Álvaro gústalle a esixencia da madeira xa que non permite erros e, se o tempo o permite, traballar ao aire libre. Debuxa para desintoxicarse e pensar na escultura dende outra beira. Di que o referente fundamental da súa arte é a vida e a conexión coa natureza. Unha idea que repite decote é que, lonxe de ser un artista que se poida deixar arrastrar polo seu furor poeticus, é un artista do Renacemento vencellado a un encargo cheo de condicionantes. Son os pequenos coleccionistas os que o apoian dende sempre maila que a madurez e traxectoria da súa obra é abraiante.

Polo tanto, teño a esperanza de que algunha persoa moi importante (e con sensibilidade) comparta esta conversa no meu blog e faga algo para atesourar e promocionar a obra deste inmenso artista. Eu batín con él de chiripa. Un día, deambulando por Lugo atopei as Cinco mans de madeira que apoian a muraia e decateime que facía tempo que non vía unha obra tan fermosa e tan inxeniosa. Algún tempo despois, un amigo da agrupación artística Galeoska ofreceume facer unha entrevista para a revista de arte e propuxen inmediatamente entrevistar a Álvaro de la Vega. E xa que iste bitácora permite certo protagonismo da entrevistadora e non ten o límite de espazo dunha revista, reproduzo a nosa fermosa conversa telefónica completa mentres él paseaba aos cans polo monte xa que o noso encontro persoal decapitouno a pandemia. O achado de Álvaro de la Vega fíxome lembrar que o meu xénero periodístico predilecto é a entrevista e que ista carreira en crise val a pena simplemente por poder remexer no maxín de Álvaro.

Despois dunha traxectoria tan longa, pódese dicir que se pode vivir da arte?

Hai que ter unha capacidade de sacrificio moi consistente. Isto ten moitos altos e baixos, mais baixos que altos e é moi dificil abrirse mercado se non tes a sorte de introducirte en circuitos internacionais porque xa non podemos falar de circuitos nacionais.

Tes obra en bastantes museos e concellos galegos…

Non tiven moito acceso ás mellores institucións artísticas pero movinme con galerías e sobre todo conto co apoio dos pequenos coleccionistas galegos e algúns madrileños tamén.

Hai algún tema que te obsesione e ao que voltes decote?

Creo que si. Inconscentemente estou volvendo a unha serie de traballos xa feitos sobre a contemplación e estou ampliando ideas sobre ise tema. Ademáis de escultura fago paisaxes que eu clasifico como excentridades. Son debuxos para desintoxicarme e poder repensar a escultura doutro xeito, cruzo á beira de enfrente e podo verme nun espello. Estes debuxos tamén están relacionados comigo e coa obra vertebral que é a escultura…

Traballas moito coa madeira… Fálanos da túa relación cos materiais.

A min gústame moito a madeira e, se as circunstancias o permiten, góstame traballar ao aire libre. Teño disfrutado moito esbozando as miñas pezas ao aire libre aínda que as horas do día e a climatoloxia obligan logo a traballar tamén nun taller convencional. A madeira lévate para o monte. A miña maneira de aproximarme á madeira é próxima á dos leñadores. A madeira é o material máis presente no meu traballo polas circunstancias da contorna na que nacín: madeira intervida polos labregos, polos leñadores, teño unha relación moi forte con ela.  Logo, por curiosidade, fixen unha serie de pezas aos finais do 90 en ferro colado que foron moi ben. O que pasa é que o ferro o é un material que encarece moito o producto e é mais difícil metelo no mercado. Ademáis, a xente espera sempre que para exteriores a escultura sexa bronce e eu non son unha gran estrela que poida levar a cabo as miñas ideas, estou limitado polos encargos.

Eu da man da estatua de Lorca na Alameda de Santiago

Fixeches por encargo unha estatua de Lorca en bronce para a Alameda de Santiago. Aprendes algo das persoaxes que inmortalizas?

Claro que si. Sempre fun un admirador de Lorca da súa poesía, teatro e da música a través de Camarón así que non me resultou difícil poñerme a ton con él. Para outros encargos teño que documentarme e situarme.  O editor Quique Alvarellos suxeriu que teríamos que partir dunha fotografía de Lorca paseando levando posto o mono da súa compañía teatral La Barraca durante unha das súas visitas a compostela. É en bronce patinado e logo o mono vai en cor azul.  

Álvaro, traballas con horarios férreos?

Hoxe empezarei tarde, son irregular…pero dentro da irregularidade hai traballo constante porque a madeira, ademáis, expresa ás horas de traballo que lle poñas: non é arte explosiva froito dunha inspiración que se poida facer en minutos.

Cinco Mans que apoian a muraia de Álvaro de la Vega

A miña curiosidade por teu traballo parte de descubrir “Cinco mans que apoian a Muraia” que son unas mans de madeira que semellan uns contrafortes na praza Fillos de Antón de Marcos en Lugo. Cando as vin tiven a impresión de que facía tempo que non vía algo tan fermoso e auténtico.

Esas mans en madeira estaban pensadas para pasalas a ferro e quedar elas no museo pero non se puido rematar a idea como eu quería falta de presuposto. E non me gustan como están xa que se deixas a madeira á intemperie, deixaa envellecer con dignidade e espontaneidade. Lixáronas e botáronlle un protector e non me gusta o resultado, están moi relambidas.

Tes a necesidade de ver as túas obras de cando en vez ou prefires non pasar pola Alameda, por exemplo, para ver o que lle fan a Lorca? Gústache bater coas túas obras despois de feitas?

A ver que vida leva Lorca agora na Alameda… Eu cando vexo a miña obra sácolle os defectos e eu o defecto de Lorca vinllo dende o primeiro momento Houbérame gostado que fora 30 cms máis alto pero non había presuposto. As esculturas de exteriores teñen que ser un pouco mais grande do natural, teñen que ter un toque de colosalismo. Hai unha escultura de Nelson Mandela na Haya que é de 3 metros que é unha marabilla. Todos os clásicos e antigos facían, con razón, a estatuaria exterior enorme. Tódolos escultores teríamos que tratar de imponer pezas maiores pero os encargos e presupostos limítannos. Por outra banda,  hai unha corrente que abusa do realismo nos tamaños e as esculturas quedan moi achicadas, tal e como ocorre en cidades como Oviedo.

Estatua de Lorca na Alameda de Compostela

Meses despois desta entrevista leo no xornal que a estatua de Lorca sufriu unha pintada e escríbolle un whatssap presentándolle condolencias e é o escultor o que me tranquiliza:

Xa a repararon e ise risco forma parte das regras do xogo.

Aínda que dicías que o teu traballo vertebral é a escultura dixeches en varias ocasións que o debuxo tiña moita importancia na túa obra.

Estudiei Belas Artes para compensar as fallas económicas do artista que vai por libre e adicarme ao ensino. Eu fíxenme escultor aos 30 e pico de anos e antes diso estiven dez anos en Barceona facendo comic, grafitti. O debuxo é importantísimo: é a forma máis rápida de facer presente unha idea. Fixen moitos debuxos do rostro de Federico antes de facer a súa escultura porque non me gustan as esculturas que hai del e quería que fose recoñecible e o certo é que quedei contento co resultado.

Saíronche moitos traballos despois da escultura que lle fixeches a Ringo Star?

A partir da escultura de Ringo saíronme clientes para facer esculturas retrato e gústame porque son unha proba dura. Hai que ir con moito tino porque á madeira non lle podes engadir, o cuidado técnico ten que ser moi extremo, non admite erros. Se estropeas o nariz non o podes remendar…

Que deparará ao artista despois da pandemia?

Hai creatividade. É bo momento para reconsiderar que a escultura ao aire libre debería ser o futuro. Primeiro, por un compromiso co medio ambiente, porque nunha zona intervida pola arte non hai posibilidade de usala para usos máis perigosos, e logo non se precisan inversións en infraestructuras. Eu sempro penso en clave exterior, en relacionar a arte coa natureza. En Europa hai parques con esculturas elementáis feitas con tablóns, pedras…rudas, como a propia natureza, preparadas para a súa propia supervivencia. Non precisan conserxes e a relación co público é directa.

Viaxas moito, ves moita arte?

O meu referente principal é a vida ainda que os mestres do pasado axuden para resolver dúbidas ou a resituarme. Eu cando viaxo quero ver á xente, a paisaxe, quero ir comer…pero tamén vou ver arte sen darme grandes atracóns de arte, eu vou ver cousas aos poucos porque se non as emociòns acaban diluidas.

As túas obras transmiten moitas emocións, como o fas?

Eso faino moito o material e as ferramentas, o xeito de intervir a peza: a frescura, sen barnices, sen lixa, nótase o proceso, cada golpe que lle deches queda marcado cada corte e cada astillazo, é un xeito de traballar moi expresivo. É unha conexión directa co espectador sen necesidades de intermediarios que teñan que intervir a obra. A min góstame considerarme como un artista do Renacemento iste é un oficio no que traballas para proporcionar emocións pero hai que someterse a encargo. Fronte a idea de artista romántico que é dono do seu xenio o artista está moi limitado polos encargos. No Renacemento os traballos estaban todos delimitados por contrato.