Verán 2022 de lecturas

Aínda que no verán hipersocializo e baixa o meu ritmo de lectura, tento ler, alomenos, un par de libros. E aínda que sei polo Instagram que a lectura é práctica dunha minoría ( cada vez que comparto unha publicación literaria os likes menguan considerablemente), vou compartir con vós eses dous libros por mes que lin este verán e o ben que me fixeron. Porque, como tamén sei polas clases de Literatura que imparto no instituto, esa minoría que le, le moito, e está aberta ao mundo e as recomendacións.

Arte (1994) non é unha primeira lectura senón unha relectura que fixen por vez primeira fai vinte anos e que, por certo, podería facer en bucle. Arte é, en realidade, un brevísimo compendio de libros: libro de arte, manual de autoaxuda, libro de filosofía, compendio de chistes, manual de historia da parvada humana, antoloxía de citas…ou, dito doutro xeito, Arte ten moitísimas indicacións. Porque despois dalgunhas decepcións literarias, que se asemellan moito na dor ás amorosas, é importante ter esta xoia sempre a man para reconciliarse co mundo e cos libros, que son case a mesma cousa. O argumento é o conflito que desenvolve a compra dunha obra de arte nun grupo de tres amigos pero a obra ten numerosos nivéis de lectura. Porque este estupendo libro reflexiona sobre a arte e sobre a vida e sobre a arte definitiva, conceptual, abstracta e figurativa, a arte de vivir. Unha reliquia, por certo, que abre un diálogo intertextual con outra obra de teatro tamén polisémica e multifuncional , El chico de la última fila de Juan Mayorga que xa analicei e recomendei nun post anterior. https://ladytasende.wordpress.com/2022/04/23/elegir-un-amor/

Xa non aturo nengún discurso racional, todo o que fixo que o mundo sexa o mundo, todo o fermoso e grande neste mundo, nunca naceu dun discurso racional. Arte, Yasmina Reza.

Cándido ou o optimismo de Voltaire. Porque hai algo máis peligroso que o optimismo, o cinismo. A vida da e quita, unha de cal e outra de area, hai costas arriba e costas abaixo…mellor, crer neste mundo que empodrecelo. Cre en ti, cre no mundo. Fai un mundo ao teu gusto e para ti!. Fuxe dos cínicos!

O rei portador e outras historias de Beatriz Fraga porque somos seres narrativos e todo o que sucede no mundo son esencialmente historias. Os clásicos tíñano claro e para explicarse e entenderse utilizaron a Mitoloxía . Beatriz Fraga achéganos algunhas desas historias fundacionais cunha linguaxe viva e directa, que engancha, que tamén nos lembra que somos esencialmente orais. Seres narrativos e orais.

Cheguei a Arde este libro recomendada por unha amiga escritora e xornalista que aínda chora a recente morte do seu autor e amigo, Fernando Marías. Fernando Marías cóntanos, en primeira persoa e autobiográficamente, o seu pasado superado como alcólico e como parella dunha alcólica á que tivo que deixar para poder curarse. E todo o libro ten ese asfixiante ambiente de resaca que invita a beber moita auga e a cavilar sobre o alcolismo e as adicións.

Per sempre de Assis Petricelli e Sergio Riccardi, un tebeo dirixido para adolescentes que lle roubei ao meu fillo e que aborda algúns dos temas identitarios: a nosa sexualidade e a dos demais , que é amor e que semella amor e non o é. Per sempre lémbrame que unha parte dos meus libros preferidos son , en teoría, libros dirixidos a nenos e adolescentes. E tamén me lembra que os veráns da miña infancia estaban consagrados á lectura de cómic. Os debuxos son moi bos.