Paloma en concerto: voz e promesa

Hai que medir a distancia emocional cando unha escribe. Falar da miña afillada e sobriña de 18 anos con motivo do seu primeiro concerto no Casino de Carballo obrígame a reparar nesta máxima.

Paloma é unha música nova, que non unha nova música, xa que foi ao Conservatorio dende pequena estimulada pola paixón do seu pai, Alberto Barreiro, músico e compoñente da banda de pop galega Los Árboles. Do seu pai, ademáis da formación musical, recibiu  a enorme influencia de Antonio Vega. Pero o amor preadolescente de Paloma por Amy Winehouse trasladouna directamente a outras mulleres con voces, vivencias e personalidades únicas da música soul, jazz e blues como Etta James, Aretha Franklin, Nina Simone…Influida estilísticamente por esta constelación astral de almas e voces, Paloma compuxo xa na adolescencia os seus primeiros temas orixinais que ela misma acompaña con piano e guitarra.

No Concerto que dou este Nadal ( 2018) en Carballo interpretou ao piano un tema propio escrito unhas horas antes que conmocionou ao público e que o mesmo público titulou Antes de ayer xa que a conexión foi instantánea : Eres joven, eres inexperto, no sabes muy bien qué decir, te acercas a mi bailando lento, quiero parar el tiempo justo ahí y no,  no supe hacerlo, sabía que te quedarías así. Esta vez la noche ha perdido el duelo y la templanza ha ganado al fin. Ya no quiero volver, ya no puedo, ya no quiero, esa no es mi casa sin ti.Todo el mundo me ha visto llorar por ti. Yo solo quiero tenerte conmigo aquí.

Agora que o penso: ao mellor non é unha casualidade que Antonio Vega escribira La chica de ayer e Paloma Antes de ayer...pero creo que estou empezando a acortar a distancia emocional da que presumín inicialmente.

Outros temas propios que cantou acompañada, ben de piano ou guitarra, son Medias verdades, Misterious boy, Algo de ti e Pretérito Perfecto, que atoparedes no seguinte video

Paloma di que ela escribe sobre o que lle pasa, sobre situacións e persoas que lle fan sentir extremadamente. Parece que con ela cúmprese a idea de que unha mesma autora escribe sempre unha mesma canción que adopta innumerábeis xeitos pero que no seu caso posúen unha temática común, o desencanto amoroso desencadenado polas frechas de chumbo do Amor. Esta moza describe o seu proceso de composición como se fose un trance místico no que perdera un nivel de conciencia:  posúeme unha forza e sáeme do tirón a música e a letra sen poder explicar realmente cómo é o proceso. 

Tal e como veredes na fotografía da playlist, ademais de temas propios homenaxeou a seu principal referente, Amy Winehouse.

Paloma, que elexiu o seu nome, sen apelidos, de nome artístico estuda, na actualidade,  1º de Filosofía e Políticas na Universidade Complutense de Madrid, así que anda a explorar mundos posíbeis que afectarán as súas cancións e a súa vida.

Antonte, cando eras pequena, adiqueiche un poema do que recupero algúns versos:

quero:

durmir a sombra do que ollas

como se fose eu un moucho canso

e ti a árbore dun conto.

Voa, Paloma,  e canta, que estarémoste escoitando e escribindo de ti.

Concerto  de Paloma (Barreiro Tasende). 27 de Decembro 2018. 21 h. Casino de Carballo. Informareivos de novas datas.

Concerto de Ale González no Casino de Carballo

 

Ale González, compositor e intérprete principal do grupo Los Árboles estará o venres  22 de decembro no Casino de Carballo acompañado do seu piano  ofrecendo un resumo das súas cancións. O piano e a voz supoñen unha proposta íntima, mesmo revolucionaria, para desentrañar con calma as mensaxes, na súa maior parte de amor, dun bo letrista e as melodías dun músico ilustrado e completo.  No video que precede podes escoitar a Ale González interpretando ao piano El elemento nuclear, un dos dez temas do seu último traballo, Ensayo y Error. Dese tema extráense frases como : eres tú el hilo argumental de una historia rara de la que nadie sabe nada,  el plato principal de todas mis revoluciones, testigo protegido de este enredo infinito…É dicir, cancións continente con contido. Ademais, nas letras de Alexandro non hai puntos nin comas posto que son fluxo de conciencia en bucle. Cando remata a corrente de pensamento, remata a canción e comeza outra.

Prometo facervos unha crónica do recital, indicarvos as datas dos concertos vindeiros e mesmo unha entrevista. Haberá que preguntarlle a este músico tímido, breve en palabras pero espléndido en cancións, polos seus propósitos de ano novo.

Qué, cando e onde. Concerto Ale González, piano e voz. Sábado, 22 de decembro de 2018, 22 hs. Casino de Carballo. Rúa Vázquez de Parga, 1. Entrada única:6 €