Manuel Facal, o artista de Carballo

In memoriam

Cando era pequena, Manuel Facal (Carballo, 1943-2024) tiña a etiqueta de artista na miña vila, Carballo de Bergantiños. Eu non escoitara falar de ningún outro artista local, aínda que agora estou segura de que os había, mesmo agochados. Non sentíndome cómoda con tódalas etiquetas que daquela soaban, a de artista chamou positivamente a miña atención con escasos nove anos. E tiven a sorte de poder fartar parte da miña curiosidade porque resultou que, Manuel Facal, o artista da vila, era o tío da miña amiga Alejandra Mareque; era o seu tío Lolo. Lembro ir ás merendas de aniversario de Alejandra Mareque á casa dos seus pais e ficar pasmando un bo anaco diante do cadro que presidía unha das paredes do salón comedor.

-Gústache?

-Fíxoo o meu tío Lolo, o irmán da miña nai.

Xa contei noutra ocasión os numerosos paralelismos que temos Alejandra Mareque i eu, posto que ademais de ser amigas dende que eramos nenas, somos as dúas fillas de médicos coetáneos, xornalistas i escritoras. Nela atopo, sempre que llo pido, bo consello humano e literario. Indo ao relevante para este artigo, outra coincidencia é que as dúas desfrutamos ata datas recentes dun tío chamado Lolo, e os dous foron para nolas dúas moi queridos. Se tedes interese en saber algo máis de Alejandra Mareque, da súa producción literaria e da nosa amizade, premade no seguinte enlace https://ladytasende.com/2023/02/13/el-ano-en-que-deje-de-ser-rubia/

Cando hoxe me chegou un Whatsapp que me comunicaba a morte do tío Lolo da miña amiga Alejandra, o meu primeiro pensamento foi para ela e, inmediatamente despois, para os anacos de conversa que compartín con el como entrevistadora. Así que comecei remexer a casa na busca dalgún vestixio desas entrevistas. So atopei unha do ano dous mil, de fai vinta e catro anos, feita para Galicia Diario Dixital. Houbo outras da mesma época, ano arriba e ano abaixo que, desgrazadamente, non conservo pero que tentarei recuperar.

Reservado, honesto, xeneroso

Fragmento da miña entrevista a Facal

Todos os que coñecimos a Manuel Facal sabemos que tiña un carácter reservado pero eu teño que dicir que nesas entrevistas sempre foi garimoso e xeneroso comigo tendo en conta, ademais, que el era un home viaxado i experto i eu unha rapaza de vinte e poucos anos que comezaba a miña andadura como xornalista. A entrevista que conservo fíxenlla na súa casa estudo da rúa Desiderio Varela. Creo que cheguei con tempo e abriume Mari Carmen, a súa irmá e nai da miña amiga Alejandra. Lembro estar ao seu carón e arredor dunha mesa redonda. Tamén que me agasallou un manual que contiña parte da súa obra producida entre o ano 1972 e o ano 1999 e que mo asinou, por petición propia, ao final da entrevista. E saliento o de por petición propia porque eu a Manuel nunca lle vin unha soa mostra de darse importancia.

“É absurdo traballar para o gusto do público”

Obra da serie “Gramas”. Serigrafía a dúas tintas, anos 70

Titulei a entrevista cunha das súas resposta, “É absurdo traballar para o gusto do público”, que pode explicar tamén a súa independenza, pouco dada a concesións que atentaran ao seu momento e honestidade artística. Na mesma conversa tamén me comentou que, se ben nos anos setenta a súa obra fora producida instintivamente, co paso do tempo aprendeu a valorala coma a parte máis importante da súa carreira. Na mesma charla tamén me confesou que aínda que andivo polo mundo ao seu aire, sen pertencer a ningún grupo, considerouse próximo ao artista Ángel Huete, co que viviu en Barcelona, a quen lle agradeceu a crítica e a axuda.

Obra da serie “Gramas”. Serigrafía a dúas tintas. Anos 70

Manuel Facal prognosticaba unha importancia crecente da arte

-Que futuro lle prognostica á arte cando o dominio da técnica é cada vez maior?

-Non é algo que me preocupe demasiado pero supoño que incluso valerá máis, ao ser unha expresión artesá nunha sociedade cada vez máis mecanizada. Ao fin de contas o que máis importa son os valores que foron quen de transformar a historia, o pensamento e a cultura. A pintura e a arte teñen aínda a capacidade de enfrentarse á evolución da sociedade. Nunha sociedade globalizada o valor da arte será superior. ( Galicia Diario Digital, ano 2000)

Cinco anos da nosa última entrevista

Aínda que falei con Manuel Facal posteriormente, a última entrevista que lle fixen foi no ano 2019, co obxectivo de facer o dosier de prensa da exposición “Costa da Morte, Costa da vida” para a Galería Manolo Eirín. Unha mostra colectiva de artistas plásticos da zona, da que ademais de Facal, formaban parte Peter Kramer, Alberto Gende, Sergio Eirís, Marco Rodríguez e o meu irmán Pedro Tasende. Desta vez reuninme con el na súa casa estudo da Praia de Razo. Levoume o galerista Manolo Eirín que permaneceu con nós durante a nosa charla. Unha vez máis, Lolo Facal estivo atento comigo, contento; incluso falador para os seus cánones. Consciente da atmosfera de confianza que compartiamos, non lle suxerín a posibilidade de gravar a entrevista, sabía que podía significar o comezo das respostas monosilábicas e preferín non arriscar. Pero poida que so fose unha impresión equivocada e que a gravación non tivese alterado nada.

Fundación e Centro de Arte Contemporáneo Manuel Facal

Amigos da Cultura acompañando ao artista á sede da súa Fundación, aínda en obras

O setembro pasado tiven a sorte de poder asistir á presentación do proxecto da Fundación e Centro de Arte Contemporáneo Manuel Facal na rúa do Sol da súa vila natal. Os presentes agardabamos, ilusamente, un discurso por parte do artista. O que si deixou claro Facal é que a Fundación era, nalquel momento e polo tanto ata os seus últimos días, o motivo máis importante para seguir creando. Mais dunha vez, a súa sobriña Alejandra tenme comentado con asombro o disciplinado que era traballando o seu querido tío.